ao regresar de buenos aires (3)

e unhas pequenas correccións a este último poema do libro.
agora vou poñerme a traballar nas traducións ao español dos poemas que non lin en buenos aires. a ver que efectos secundarios traen de rebote.

epitafios
aquí eliminei o indeterminado “un” que aparecía dúas veces no primeiro epitafio: “un artificio” pasa a ser, pois, “artificio”:

era demasiado novo e cría
que a literatura era artificio

cando se fixo maior
comprendeu con alivio
que a literatura é
artificio

no segundo epitafio, cambiei “tentou” por “quixo” porque o penúltimo epitafio tamén empezaba por “tentou”. tamén puxen en singular “raíces”:

quixo afundir
raíz en terra estraña

ao regresar de buenos aires (2)

seguimos coas correccións froito das voltas que lle dei aos textos para o recital de buenos aires.

navegar a carón dunha balea
cando traducín este texto, conxuguei correctamente -sen darme conta- un verbo que, na versión en galego estaba mal concordado. igual é unha concordancia estraña: na estrofa

pero el procuraba
que fose reflexo
da imaxe que el tiña de deus

o ferbo “fose” debería estar en plural porque se refire ás campás, aínda que quede unha estrofa no medio na que se fala de “o toque” e de “harmonía”, dous substantivos en singular que ben poderían xustificar o verbo en singular.

a maiores, vou cambiar unha palabra na estrofa seguinte:

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón dos homes

non me acababa de convencer ese uso xenérico de “homes”. non adoito empeñarme moito en evitar o masculino xenérico pero neste poema esta palabra incomodábame. mantívena até o de agora porque, ao tempo, o verso quere ter ecos do rexistro bíblico. pero ocorréuseme, ao facer a tradución ao castelán, unha fórmula que non perde o ton e mais evita ese uso non por tradicional menos discutíbel. a estrofa, xa que logo, quedará así:

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón das xentes

juancito caminador
cambiei a orde das tres imaxes que compoñen o texto porque o conxunto terminaba moi “abaixo” (metáfora emocional) e prefería que acabase máis “arriba”.
tamén quitei un verso porque soaba algo tópico.

e mergulla na noite
na xenebra
no poema

simplifiquei unha imaxe na parte dous

a nena con vestido de domingo -> a nena vestida de domingo

ao regresar de buenos aires

no mes de xullo pasado estiven en buenos aires. por unha serie de sorpresas encadeadas, tiven ocasión de ler poemas en público por primeira vez. por primeira vez na miña cidade.
foi unha experiencia fermosa e inesquecíbel da que xa deixarei constancia gráfica un día destes.
o que me interesa contar é que, para ese recital, preparei algunhas traducións destes poemas de baleas.
como penso que xa contei algunha vez, o proceso de tradución dos meus textos permíteme descubrir cousas que antes non vira neles. hai un tempo fixera unhas traducións para consumo propio e xa me serviran para facer algunhas correccións pero estas foron feitas moito máis a conciencia e redundan en moitas correccións nos textos en galego.
sen moito tardar hei colgar tamén estas traducións, porque me parece que os textos adquiren outra cor (ademais de que, aproveitando a miña dobre condición de autor e tradutor, permitinme moitas licenzas e penso que o resultado pode ser interesante de ler).
polo de agora hei deixar constancia dos cambios que sufriron os poemas na súa versión orixinal en galego.
neste primeiro post da serie, ocúpome dos tres primeiros poemas do libro. nos próximos días seguirei co resto.

ulises
recuperei a sintaxe con recendo a gelman da segunda estrofa do poema.
substituín a expresión “nos versos” por “no texto” nun fragmento do medio para evitar a reiteración de “versos” que aparece uns versos despois.
corrixín unha referencia ao poema de gelman que era errónea: o que non é quen de esquecer bonpland é a imaxe da lúa no xeonllo de nunu. eu escribira “as flores no colo de nunu”. a lúa ocupa agora o sitio das flores. pero deixei o colo porque me cadraba mellor na sonoridade do poema (aínda que na versión en castelán puxen “rodilla”).
e, sobre todo, quiteille varios versos ao final do poema. non eran malos versos, penso. e teñen imaxes acaídas. pero penso que o poema gaña deixando de lado esa información e rematando na imaxe de ulises extraviado polos mares despois de que a balea marchase para sempre.

juan
aquí só unha pequena corrección para evitar a reiteración dunha preposición nun verso.

navegar a carón dunha balea
neste texto engadín un pronome para aclarar o significado dun verso e mais xuntei nun só verso os dous últimos porque esa pausa resultábame algo artificiosa.

xa case

ulises

cando empecei a escribir o poema de ulises, estaba a reler algúns textos de juan gelman que son moi familiares para min non polos libros -foi hai pouco que lin por primeira vez este poema do botánico nun libro- senón polas cancións que deste e doutros poemas de gelman fixo juan cedrón.
aquí unha versión en directo gravada no canal encuentro.

o meu amigo celso díxome un día que cando está a escribir un libro, non le poesía en absoluto, para non contaminarse das sonoridades doutras poéticas.
eu teño moi asumido que a miña poesía é toda ela unha contaminación das voces de outros.
o caso é que este poema ten, desde o comezo, algúns versos que beben o seu ritmo, a súa sintaxe, deste poema de gelman, coa voz de cedrón.
e como este libro é de homenaxes, deixei constancia desa interferencia nos propios versos do poema.
pero había algo nesta pública renuncia que non acababa de pechar desde o principio.
hoxe deixo unha nova versión deste poema, onde aparecen as interferencias pero omitín os lamentos porque, certamente, non existen.

juan

este libro é unha especie de amábel rendición de contas aos anos que pasei en arxentina, onde souben o que era a poesía (ou igual aínda non sei) e tentei os meus primeiros tatexos no papel. hoxe reconstruínme noutro punto do mapa pero eses ecos están aí.
un amigo meu diría que non podo rendir contas a arxentina, a buenos aires, a gelman, a tuñón noutra lingua que non sexa aquela. non concordo. pero si recoñezo que o libro necesitas unhas licenzas lingüísticas inevitábeis. por iso sobrevive o “clavel del aire” (falaba disto hai pouco) e, neste poema a gelman, o “camalote” e ese “vos” que era “ti” até a versión anterior pero que tampouco non acababa de cadrarme.
eu trataría a gelman (trateino, cando nos vimos aquela vez) de “usté”. pero o verso é máis amigo. ou iso é o que me gustaría pensar.

juancito caminador

só unha nota: o comezo do poema de juancito caminador tamén ten o ritmo deses versos de gelman. juancito caminador é un fío ao outro poeta que marca liña a liña moitas das cousas que eu escribo: raúl gonzález tuñón.

vense baleas no horizonte do mar de vigo

ao final deste poema hai unha rima que estou empeñado en quitar pero cústame moito desfacerme de calquera das dúas palabras que alí riman:

descubriu a beleza
das perspectivas imprevistas

e que a poesía é disonante coas certezas

clavel del aire

neste poema, quiteille as itálicas ao nome da flor. se asumo o nome arxentino da flor no poema, deixo de ver a palabra como un termo estranxeiro.
nalgúns dos poemas deste libro, como noutro que está a piques de saír, as itálicas están como un modo de explicitar os diálogos que ás veces se producen dentro mesmo do texto entre dúas voces, dúas perspectivas que conversan.

magalhães

e unha cuestión de forma para rematar esta revisión: na última parte do poema de magalhães, descubrín que había cinco ou seis formas do verbo “atopar”. substituínas case todas.

poñendo en limpo

sigo revisando os textos e empezo a facer novas versións en limpo a ver como funcionan.
no poema de “ulises“, atopo un erro de concordancia na última estrofa.
en “juan“, corrixín un pronome e alterei algúns saltos de verso, sobre todo ao comezo.
atopei (e corrixín) outro erro de concordancia en “navegar a carón dunha balea“. tamén modifiquei mínimamente un verso porque tiña unha referencia que quedaba moi lonxe e pensei que igual merecía aclaración.
no poema de “juancito caminador” simplemente incrementei un pouco un salto de estrofa para darlle á lectura unha pausa necesaria.
en “clavel del aire” fixen un pequeno cambio no comezo, para engadir o nome da flor no texto porque xa dixen que os títulos son só para simplificar as referencias pero os poemas, na edición final, non terán. existe un motivo para conservar en castelán este nome, igual que conservo o “camalote” no comezo do poema “juan“. pero existen outros para buscarlle unha tradución, que a ten, como xa comentou no seu día elvira ribeiro en facebook. cando me decante por unha alternativa, explicareime.

simplificar (clavel del aire)

este texto bátese por manterse no libro. simplificar algunhas das imaxes do inicio axudan a meterse dentro do texto.

n falaba dunha
flor
que facía parte
da memoria de m
 

pero no relato
deviña invasora
ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de improviso
a paisaxe da conversa
e a da memoria de m
eran diferentes

ou

o relato causaba
nas postais da infancia de m
un defecto de forma
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é
o negativo dunha foto
neboenta
 

e se procuras entender
o presente
cuestionando a paisaxe
o mundo vólvese inestábel
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

magalhães resiste

fixen algúns amaños neste poema. considerei eliminar unha parte da historia para alixeirar o texto pero paréceme bonita.
ás veces cómpre renunciar a versos ou estrofas que, en si mesmas, un cre que son boas pero que, no texto todo, semellan restar máis que aportar.
pero non sempre son doadas esas renuncias.
neste caso penso que os versos deben resistir: non estou convencido de que resten e mais a historia de magalhães é o miolo do poema:
 

e o poema sobre magalhães
que no empeño por arrodear o mundo
e acadar as illas das especias
arribou sen sabelo
a terra de baleas

ou debería dicir
ao seu mar
 
 

era inverno árido
ou acaso non é posíbel
imaxinarlle outros veos
a aqueles territorios
 
 

imaxina que cres que o mundo
é máis extenso do que ditan os mapas

colles un barco
que é pequeno
se o comparas co horizonte
 

cal é a dimensión da túa certeza?

cal o límite da ousadía e do azar?
 

imaxina os ollos daquel home pequeno
ao chegar á araucanía

toda aquela vastidade erma
 

podes supoñelo
diante daqueles animais
a deambular na enseada inhóspita
e súa
e preciosa
 

pavor ou calma
nacería dos seus cantos?
 
 

pero o destino de magalhães
era aínda longo
e resistiu
a aquela harmonía insólita
e continuou viaxe incerta
 

ou acaso atopara
ante aqueles seres ilimitados
a fronteira do seu valor
 

partiu

puxo proa máis ao sur
na teima do paso procurado

atopouno
e herdoulle o seu nome

e nomeou pacífico
o océano que atopou ao cabo
 
 

imaxínate coas forzas no límite
despois de atravesar
todo o mundo coñecido

e ao contornar as marxes
atopas outro horizonte
aínda máis esgotador
 

aquel novo mar enfrontou magalhães

e dobregouno tamén
pero morreu sen sabelo
 

no estrondo da batalla
na lanza que o atravesa
volveu escoitar
o canto das baleas

música de fondo para a mágoa
de quen morre privado da certeza
de que aquel fose
ou non
o seu horizonte
 

pequenos apuntamentos

en “epitafios” fixen dúas pequenas correccións semántidas:
nun dos epitafios puxen do revés o sentido dunha estrofa porque dicía xusto o contrario do que quería que dixese
noutro, engadín un matiz para reforzar o sentido que igual non estaba tan claro.

ás veces marcar moito a dirección da lectura non é boa idea porque é importante que o lector poida darlle ás cousas os matices que son de seu. pero hai veces en que unha palabra pode engadir un matiz que desperte posíbeis lecturas novas. ese equilibrio é unha das cousas máis difíciles da poesía.

en “vense baleas no horizonte…” facía falta reorganizar as imaxes para reducir os abaneos dun texto que xa abanea de seu.

en “varadura” quitei algúns versos que non engadían nada especial. como regra xeral, o que non aporta, distrae. (e as regras xerais están para ser transgredidas, pero estas transgresións deberían ser sempre conscientes e ter un propósito.) tamén reorganicei algunhas imaxe para quitarlle unha sensación de desorde que me daba a lectura do texto.