do papel (varadura 1)

catro ou cinco cambios nos cortes de verso e unha solución sinxela para alixeirar unha imaxe.
esas cousas que, cando as descobres, non entendes como non as viras desde o principio.
 

unha balea varada na praia
estarrece como a ruína dun imperio

é unha postal imposíbel
no centro da paisaxe
 
 

treme o aire que paira
inmóbil ao seu redor

e morre tan lento
que a súa agonía semella só
un simulacro
 
 

non ten
esa tensión do horizonte
senón acaso a conciencia de ser
ela mesma todo un final
 
 

a balea é un deus caído
pero non é o seu recendo o que estarrece

tal vez sexa o sabernos
tanto máis fráxiles
 
 

a expectación arrastra
un conxunto caótico de singraduras

océanos á espreita
 
 

non fose tan inmensa
e parecería estar a piques de fuxir
 
 

a balea é
unha espera deitada

se falas con ela
parecerá que escoita a túa dor
e devólveche preamar
 
 
 

uns nenos achéganse
pés na area fría

observan con distancia
 

a balea non pode moverse
pero non é o seu cheiro
o que estarrece

acaso sexa
a inmensidade da metáfora

axustes aquí e alá

no poema de magallães, fixen algúns pequenos cambios:
partín dous versos moi longos
retoquei algúns versos (unha palabriña aquí, outra alá)
reestruturei os cortes de verso da última estrofa.

no poema de ulises:
engadín uns espazos maiores entre algunhas estrofas
quitei un pequeno verso
partín en dous outro
e cambiei un “derradeiro” por “último” aínda que non estou moi seguro… o “derradeiro” érao para o ulises do poema, porque non sabía o seu destino. pero despois non o foi…

no da balea varada, deille unha voltiña a unha parte que non acababa de soarme de todo ben.

no poema do encerro (ou da fuxida):
modifiquei un verso para evitar a reiteración dunha palabra
e mais espallei un pouco unha imaxe para redondear o sentido e, de paso, mellorar o ritmo da estrofa
por último puxen un par de estrofas un algo máis á dereita e cambieinas a itálica para que a enumeración de ideas tivese un aquel de diálogo que lle dá máis fluidez, penso, ao poema

e a ver se este 1 de maio aínda dá para algo máis.

a balea varada estarrece

despois de que susana aríns propuxese un diálogo co meu poema de ulises, decidín darlle unha volta ao da balea varada na praia a modo de respostar a un comentario que deixou ao pé do primeiro borrador.
aproveitei tamén para organizar un pouco o que non eran máis que notas moi caóticas (aínda así sigo tendo a sensación de que pode organizarse máis). e, claro, para poñelo en verso.

nota: teño un problema co theme de wordpress que me elimina algúns espazos maiores que quero poñer entre algunhas estrofas. a ver como o resolvo… (solucionado!)

 

unha balea varada na praia
estarrece como a ruína dun imperio

é unha postal imposíbel
no centro da paisaxe

 

a súa agonía
fai tremer o aire que paira
inmóbil ao seu redor

e morre tan lento
que a súa morte é só
unha suposición vaga

 

non ten
esa tensión do horizonte
senón acaso
a conciencia de ser
ela mesma todo un final

 

a balea é un deus caído
pero non é o seu recendo
o que estarrece

tal vez sexa o sabernos
tanto máis fráxiles

 

a expectación arrastra
un conxunto caótico
de singraduras

unha morea de océanos
á espreita

(non fose tan inmensa
e parecería estar a piques de
fuxir)

 

a balea é
unha espera deitada

 

se falas con ela
parecerá que escoita a túa dor
e devólveche a calma
da preamar

 

os nenos que se achegan
pés na area fría
observan con distancia

 

a balea xa non pode moverse
pero non é o seu cheiro
o que estarrece

acaso sexa
a inmensidade da metáfora

axustes iniciais

no texto “navegar a carón dunha balea” había un fragmento que non correspondía:

os nenos achéganse
cos pés na area
e observan con distancia
a balea non pode moverse pero aterra

movino para o sitio correcto, que é “varadura” e mais aproveitei para darlle un retoque formal

unha balea / varada na praia / é como a ruina dun / imperio // unha postal imposíbel / no centro da paisaxe
o son / da súa respiración feble /
non parece que fose / morrer // cando menos non ten / esa tensión do horizonte / senón a conciencia de ser / ela mesma todo un final
o xesto da agonía da balea / ten unha morea de océanos / atenta /
un conxunto caótico / de paisaxes e aves / unha historia en suspenso / unha espera deitada /
se falas con ela / parecerá que escoita / a túa dor / coa calma da pleamar

os nenos que se achegan / pés na area fría / observan con distancia

a balea non pode moverse pero aterra