do papel (juan 1)

este poema e mais o de onte teñen uns cambios que van máis ou menos polo mesmo lado:
– alixeirar en xeral o texto, quitando algún verso, reorganizando a sintaxe dalgún fragmento
– mellorar o ritmo da lectura alongando un pouco algúns versos, o que lle dá máis fluidez ás imaxes

os poemas “de baleas”, entre outras cousas, veñen a saldar (sen pretender facelo de todo) unha débeda que teño coa miña historia persoal. xa que logo, ten moitas referencias á infancia e a arxentina.
a morte de gelman foi, dalgún xeito, un dos disparadores desta idea.
este poema é, pois, un poema importante no libro. digamos que o tronco da árbore.

e volveu macarena na inundación
como un camalote
 

cando o río era opaco e a esperanza
non minguaba
juan poeta
porque ti eras ti e o mar tan triste
 

cando envías luz
mesmo a morte devolve un violín
un verso
 
 

pola corrente do paraná
baixa unha balea
e ao chegar ao mar marrón
espállase en lianas e liques
cara á liña afiada do horizonte
 
 

macarena é tigre extraviado no río

pero percorre a cidade de silencios
coa calma de quen se sabe
collida da man morna das palabras
 
 

igual estabas ti
aquela vez única que nos vimos

o lique do teu rostro
iluminábase coa brasa do cigarro
na penumbra da rúa fría das tabernas
 

o porto non era o de tuñón
senón unha escenografía
sen berros da carga
nin laio de guindastres
 
 

a outra foto é nun bar

a luz que os cristais deixan fuxir
dálle á lembranza un matiz
irreal
 

ao tempo que quitabas
o abrigo

ao desprenderte do peso da tarde

dixeches cos ollos
unha frase de despedida

e a min despedíuseme unha patria
 

deixeiche ancorado
noutro porto de teu
 

na rúa aínda o fume
deseñaba a silueta
da balea errante na que viaxas

juan
e os mortos que arrastras