retoques en “navegar a carón dunha balea”

reformular unha estrofa, simplificar algúns cortes de verso, …
pequenas correccións para mellorar a fluidez do texto.

navegar a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo
 

estirarse como se fose posíbel
percorrerlle a pel
lisa e fría
 
 

a balea é metálica

treme no contacto coa man
e produce melodías grises
 
 

o músico jacobus van eyck
ocupouse nun tempo
de manter afinadas
con precisión milimétrica
as campás todas da cidade de utrecht
 

resultaba estraña aquela
harmonía
porque o toque das campás
adoita ser disonante

pero el procuraba
que fosen reflexo
da imaxe que tiña de deus

da exactitude
que ao seu deus lle supoñía
 
 

o canto da balea non é
simétrico
son impuros os harmónicos que produce
se a rozas
 

se a apalpas
os calos que medran no seu lombo
semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero a balea esquece
mesmo a corrente na que paira
 

porque a memoria é náufraga
e doe
 
 

imaxina unha igrexa de utrecht
tal como a representaría
calquera pintor da época

liñas que se proxectan cara ao alto
igual que ascende a luz
e delimita volumes

espazos de penumbra
 

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón dos homes
 
 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto

do papel (navegar 1)

con este texto sucédeme case o contrario que co anterior: as diferentes versión apenas se diferencian unhas das outras. neste caso, retoquei algo algúns cortes de verso para poñelos máis na liña das correccións que fixera nos outros. tamén lle dei unha volta á sintaxe dalgún fragmento que non acababa de pechar de todo.
 

navegar a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo
 

estirarse como se fose posíbel
percorrerlle a pel
lisa e fría
 
 

a balea é metálica

treme no contacto coa man
e produce melodías grises
 
 
 

as campás todas
da cidade de utrecht
estiveron nun tempo
afinadas con precisión milimétrica

do traballo minucioso
ocupárase van eyck
jacobus
músico
 
 

resultaba estraña aquela harmonía
porque o toque das campás adoita ser
disonante
 

pero van eyck procuraba
que fosen reflexo
da imaxe que el tiña de deus

da exactitude
que ao seu deus lle supoñía
 
 
 

o canto da balea non é
simétrico
son impuros os harmónicos que produce
se a rozas

se apalpas as costras
que medran no seu lombo
 

ela semella conservar memoria
de todas as singraduras

pero en realidade esquece
mesmo a corrente na que paira
 

porque a memoria é náufraga
e doe
 
 
 

imaxina unha igrexa de utrecht
tal como a representaría
calquera pintor da época

liñas que se proxectan cara ao alto
igual que ascende a luz
e delimita volumes

espazos de penumbra
 

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón dos homes
 
 
 

navegar a carón dunha balea
sentir a fatiga toda da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto

campás

no mesmo sitio do que quitara o apuntamento sobre o músico do que falaba no post anterior, tomei nota da historia de jacob van eyck que afinou todas as campás da cidade de utrecht.
velaquí unha nova versión do poema “navegar a carón dunha balea”, no que apareceu van eyck e a súa procura da perfección.
dubidei porque me gustaba esa versión inicial tan breve e precisa, pero creo que aquí o poema ergue unha cor diferente e suxestiva.

 

navegar
a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo

 

alongar a man
como se fose posíbel
percorrer a pel lisa e fría

 

 

a balea é
unha campá

treme no contacto
co frío

e resoa en harmónicos
imperfectos

 

no século dezaseis
as campás todas da cidade
de utrecht
estaban afinadas
con precisión milimétrica

ocupárase
da laboura obsesiva
van eyck jacobus
músico

 

e resultaba estraña
aquela harmonía

 

porque as campás teñen sempre
unha sutil imprecisión

a disonancia que as fai
únicas

 

 

pero van eyck procuraba
que fosen
reflexo
da imaxe que el tiña
do seu deus

da perfección
que ao seu deus
lle supoñía

 

o canto da balea
non é simétrico

non son puros
os harmónicos que produce
se a rozas

 

imaxina que apalpas
as costras que medran
no lombo da balea

 

semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero en realidade
esquecen mesmo a corrente
na que pairan

porque a memoria é náufraga
e doe

 

 

imaxina unha igrexa
de utrecht
tal como a representaría
un pintor flamenco

liñas rectas de luz
que se proxectan cara ao alto

igual que ascende a luz

e no seu símbolo
delimitan espazos de penumbra

igual que está feito
de liñas de luz
e sombra
o corazón dos homes
piadosos

 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda
da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto