tres imaxes de juancito caminador

contounas así o poeta
que viviu os seus soños
e mais soñouno vivo
e morto
e aínda así
non soubo del
nin a metade da imaxinación do mundo

 
 

unha

no centro da pista
unha mesa unha caveira un coello

o ilusionista vende
soños por dous pesos

e cando a carpa do circo
fica baldeira de asombros
o home agocha
o seu tremor no abrigo raído
e mergulla na noite
no poema
 
 

dúas

a nena vestida de domingo
que esculca desde a primeira fila
cada movemento do prestidixitador

e cando se apagan as luces
e a carpa fica baldeira
a nena some
deixando tras de si
un ronsel pálido
 

tres

na barra dunha taberna
en ingeniero white

o ilusionista escoita
a historia marabillosa e certa
do mariñeiro que avistou unha balea
no trebón

semellaba vagar
tan extraviada coma o barco
no centro da chuvia mesta
das ondas salgadas do vento
irreflexivo
da bruma que recende a argazo
 

a curva gris do lombo
era unha luz
no negror do vendaval

erguíase brillante e
volvía sumir
no mar coma un destino
 
 

>> poñendo en limpo
>> poñendo en limpo
>> do papel (juancito caminador 1)
>> tres imaxes nos ollos de tuñón
>> versión inicial