navegar a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo
 

estirarse como se fose posíbel
percorrerlle a pel
lisa e fría
 
 

a balea é metálica

treme no contacto coa man
e produce melodías grises
 
 

o músico jacobus van eyck
ocupouse nun tempo
de manter afinadas
con precisión milimétrica
as campás todas da cidade de utrecht
 

resultaba estraña aquela
harmonía
porque o toque das campás
adoita ser disonante

pero el procuraba
que fosen reflexo
da imaxe que el tiña de deus

da exactitude
que ao seu deus lle supoñía
 
 

o canto da balea non é
simétrico

son impuros os harmónicos que produce
se a rozas
 

se a apalpas
os calos que medran no seu lombo
semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero a balea esquece
mesmo a corrente na que paira
 

porque a memoria é náufraga
e doe
 
 

imaxina unha igrexa de utrecht
tal como a representaría
calquera pintor da época de van eyck

liñas que se proxectan cara ao alto
igual que ascende a luz
e delimita volumes

e espazos de penumbra
 

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón das xentes
 
 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda da viaxe
e o descanso de saberse imperfecto
 

>> ao regresar de buenos aires (2)
>> ao regresar de buenos aires
>> poñendo en limpo
>> retoques en “navegar a carón dunha balea”
>> do papel (navegar 1)
>> campás
>> axustes iniciais
>> versión inicial