cando regresaba ulises
dos restos calcinados de troia
foi tentado por sereas
atacado por cíclopes

pero por ningunha destas criaturas
foi vencido

navegou ulises
con valor ou inconsciencia

navegaron
el e os seus compañeiros

moitos mares

e cando finalmente
decidiu encamiñarse cara a penélope

tornar á india
diría gelman
de aimé bonpland
o naturalista francés

cando colleu por fin camiño
á illa de seu

ao lar

para deixarse morrer
nese seu acubillo

aínda que tal vez
xa non sexan nosas
as cousas que deixamos atrás
hai mil anos

nese seu último camiño
atopou unha balea
e marchou detrás do seu ronsel

o que o seu canto deseñaba nas ondas

 

no texto ecoan tenues
nunu bonpland
e a melodía do poema de gelman

ou non son de ninguén
as melodías do verso

 
 

e navegou ulises
outros mares

e acaso esqueceu a penélope

 

bonpland nunca esqueceu
a lúa no colo de nunu
xunto á boca do orinoco

 

e penélope envelleceu aínda máis
se isto é posíbel
e tamén morreu

e morreu ulises solitario

porque a balea é libre
e un día marchou
e deixouno extraviado para sempre

 

>> ao regresar de buenos aires
>> xa case
>> poñendo en limpo
>> do papel (ulises 1)
>> axustes aquí e alá
>> ulises en verso
>> versión inicial